Thursday 02 de May de 2024

Inés Rey: “O Goberno municipal está comprometido coa posta en valor dos símbolos da cidade, como é o caso de Isabel Zendal”


O Xoves de Comadres, o Concello e a agrupación das Comadres Cigarreiras homenaxearon o legado de Zendal, integrante da Real Expedición Filantrópica da Vacina, que cumpre o seu 220º aniversario

A alcaldesa, Inés Rey, tomou parte hoxe, Xoves de Comadres, nos actos de homenaxe promovidos pola agrupación das Comadres Cigarreiras e o Concello, centrados este ano na figura de Isabel Zendal e a Real Expedición Filantrópica da Vacina, que cumpre neste 2023 o seu 220º aniversario.

A rexedora alabou esta iniciativa en lembranza de Zendal, que dá continuidade á colaboración conxunta das Comadres Cigarreiras e o Goberno municipal desde o ano 2019 nas festas de Entroido e atendendo á visibilización “de mulleres fundamentais á hora de trazar a historia e identidade da Coruña como cidade”, caso de Emilia Pardo Bazán, as mulleres cigarreiras da Fábrica de Tabacos, María Casares e, nesta edición do Entroido, Isabel Zendal.

“O Goberno municipal está comprometido coa posta en valor dos símbolos da cidade, comoé o caso de Isabel Zendal. Actos como o de hoxe, cheos de alegría e humor, simbolizan moito máis que o carácter festivo do Entroido: axudan a manter viva a tradición das historias orais e tamén o patrimonio da cidade”, recalcou Inés Rey.

No acto de homenaxe a Zendal, iniciado ás 20.00 horas ante a estatua instalada a finais de2020 nos antigos terreos do Hospital da Caridade —onde Zendal exerceu como reitora do hospicio—, lembrouse tamén a historia recollida pola xornalista galega María Solar, autora do libro ‘Os nenos da varíola’, centrada nos 22 orfos da expedición Balmis que levaron no seu corpo a vacina da varíola ao continente americano. Ademais, as Comadres Cigarreiras interpretaron ‘Vacinando’ e ‘Isabel’, dúas das pezas musicais que abrangue o seu cancioneiro de Entroido para este ano.

Tras a lembranza a Zendal, fronte ao IES Zalaeta, a comitiva das Comadres Cigarreiras levou a cabo un pasarrúas con parada, ás 21.00 horas aproximadamente, na estatua dedicada á Real Expedición Filantrópica da Vacina, situada no Paseo do Parrote, onde tivo lugar un acto de homenaxe musical para pechar o Xoves de Comadres.